RESENTACIÓN DO VII FESTIVAL DE TEATRO AFECCIONADO "AGUSTÍN MAGÁN"

Os grupos da Federación Galega de Teatro conformamos unha alianza aínda xove que comezou formalmente a súa andaina hai sete anos, sete anos que culminan nesta fin de 2007 coa VI edición do Festival "Agustín Magán", que significa a consolidación do festival de teatro de amadores máis prestixioso de todos cantos se celebran en Galiza e ilustra a forma de expresión das inquedanzas das xentes que amamos e defendemos o teatro sen renunciar por iso á dignidade e á calidade.

Ninguén pode ignorar a estas alturas que, hoxe por hoxe, o teatro afeccionado é o máis eficaz creador de público porque, ademais do labor de atracción que cada grupo xera no seu contorno inmediato no que atinxe á asistencia de espectadores a espectáculos tanto propios como alleos, cada actor, técnico, director ou colaborador dun grupo amador adoita converterse nun espectador asiduo e crítico do teatro profesional. É por iso que promover o teatro afeccionado é a mellor maneira de incrementar a asistencia aos espectáculos teatrais dun público cada vez máis fiel e preparado.

Durante estes seis días teremos ocasións de asistir a unha variada selección de espectáculos de toda Galiza con propostas ben diferentes tanto desde o punto de vista textual como formal que nos permiten comprobar a vitalidade e diversidade do teatro amador galego. Teremos ocasión de comprobar que teatro afeccionado e calidade son dous elementos non só compatíbeis senón tamén complementarios, porque estes espectáculos nacen dun inmenso amor polo teatro e da liberdade máis absoluta á hora de afrontar un proxecto teatral.

Sexades todas e todos benvidos a V Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán e non esquezades apagar os vosos teléfonos móbiles antes de que o fagan as luces da sala.