BASES DO VII FESTIVAL DE TEATRO AFECCIONADO “AGUSTÍN MAGÁN”
Primeira:
A Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA) en colaboración coa Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural promove o VII FESTIVAL DE TEATRO AFECCIONADO “AGUSTÍN MAGÁN”.
Segunda:
A finalidade do Festival é a de mostrar e promocionar as diversas propostas escénicas dos grupos afeccionados galegos na actualidade.
Terceira:
A representación dos espectáculos teatrais seleccionados terá lugar en Santiago de Compostela.
Cuarta:
Este Festival celebrarase no mes de decembro de 2008
Quinta:
Poderá participar neste Festival todo grupo de teatro afeccionado integrado na FEGATEA que estea ó corrente no pago da súa cota. Cada grupo só poderá presentar unha obra ó proceso de selección, non puidendo participar aquelas que xa fosen representadas na edición do ano 2007.
Sexta:
O prazo de admisión de solicitudes rematará o 3 de outubro do 2008.
Sétima:
A organización poñerá a disposición dos grupos todo o material técnico necesario (luz, son, caixa negra...) do recinto no que terán lugar as representacións. Ademais disto, establécese un caché de 900 € para cada un dos grupos participantes, en concepto de gastos de desprazamento e manutención.
Oitava:
As solicitudes serán suscritas por quen ostente a representación legal do grupo de teatro e deberán achegar os seguintes datos e material referente ao espectáculo que opte a participar:
• Nome do grupo.
• Enderezo e teléfono de contacto.
• Ficha técnica e artística do espectáculo.
• Vídeo VHS ou DVD da obra. (deberá achegarse en man o 5 de outubro, día da selección.)
• Dossier fotográfico (un mínimo de 3 fotos do espectáculo) e de prensa.
• Carteis e programas de man da obra.
Un representante de cada grupo disporá de dez minutos para presentar o visionado do vídeo ou dvd da súa obra ante o xurado, seleccionando aquelas escenas ou fragmentos que considere máis representativas do conxunto.
A documentación será enviada o seguinte enderezo:
CASA DA CULTURA
A atención de Alberto Álvarez
Carballeira de Santa Minia nº 5
15865 Brión (A Coruña)
Novena:
A documentación achegada polos grupos que soliciten a participación no Festival quedará en propiedade da FEGATEA.
Décima:
O xurado estará composto polos membros da Xunta Directiva, un único representante de cada un dos grupos asistentes ao proceso de selección. O xurado seleccionará entre todos os espectáculos recibidos no prazo estipulado aqueles que participarán no Festival. A decisión comunicaráselle directamente aos grupos a partir do día 6 de outubro.
Undécima:
A Comisión Artística da FEGATEA decidirá as datas e a orde definitiva de actuación de todos e cada un dos grupos no Festival.
Duodécima:
A participación no Festival implica a aceptación destas bases. Toda circunstancia que puidera xurdir e non estea prevista nas bases será resolta pola Comisión Organizadora. |